O domingo 5 de maio, a praza do Obradoiro acollerá a saída e a
chegada do XI Duatlón Cidade de Santiago, organizado pola Concellería de
Deportes e o Triatlón Arcade Inforhouse. Uns 450 deportistas
participarán nesta competición, que serve de Campionato Galego de
Duatlón e tamén como final provincial nas categorías escolares. A estas
probas sumarase un duatlón popular.
O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou este XI Duatlón
Cidade de Santiago e convidou os composteláns a presenciar esta proba. É
a primeira vez que este duatlón se celebra no Casco Histórico, xa que
antes se realizaba nas inmediacións do Estadio de San Lázaro. Neste
sentido, o edil resaltou o esforzo loxístico que supón este cambio.
As probas comezarán pola mañá coas categorías escolares benxamín,
alevín, infantil e cadete. Segundo apuntou Roberto García, da Secretaría
Xeral para o Deporte, está prevista a participación duns 200 escolares
de toda a provincia, que competirán polas prazas no campionato galego
das respectivas categorías.
Entre as probas escolares e as de elite celebrarase un duatlón
popular (15:00 horas). A presidenta do Triatlón Arcade Inforhouse, Laura
Mosquera, apuntou que xa hai 114 inscritos nesta carreira, que se
organizou para todos aqueles que non obtiveran praza no campionato
autonómico e para outros corredores que amosaron o seu interese en
participar neste atractivo circuíto polo Casco Histórico.
Ás 16:30 horas comezará a proba de elite feminina do Campionato
Galego de Duatlón e, media hora despois, a competición masculina, na
que, entre outros, participarán duatletas como o subcampión de España,
Gustavo Rodríguez, ou os locais Brais Canosa e Luis Calvo.
Os corredores deberán facer 5 quilómetros a pé, para seguir con 20
quilómetros en bicicleta e rematar no Obradoiro despois doutros 2,5
quilómetros a pé. Laura Mosquera salientou que no circuíto "prima a
dificultade". Así, a costa do Monte do Gozo de temporadas anteriores é
substituída pola complicación das costas de Xoán XXIII e Burgo das
Nacións. A parte a pé tamén se fai máis dificultosa no cambio da proba
ao Casco Histórico
Noticia: http://www.elcorreogallego.es/deportes/ecg/duatlon-cidade-santiago-celebrarase-primeira-vez-no-casco-historico/idEdicion-2013-05-02/idNoticia-804593/
Área de Deportes
Instituto Europeo Campus Stellae
www.campus-stellae.com
info@campus-stellae.com
telf.:0034 981 522788
móvil: 0034 + 630327998
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Haz tu consulta